Mulleres do pasado, do presente e do futuro

November 28, 2019

O día 25 de novembro de cada ano celébrase, declarado pola ONU, o “Día Internacional da Non Violencia Contra a Muller”. Para conmemoralo, no CEIP Princesa de España quixemos dar a ver nunha exposición, xentilmente cedida por FEMURO (Federación provincial de Mulleres Rurais de Ourense), a mulleres que, dun xeito ou outro, sufriron violencia ao longo da súa existencia, ben polas súas ideas ben polas súas actividades.

Ademais, realizáronse unhas actividades co alumnado, deseñadas e desenvolvidas por mulleres integrantes de FEMURO da nosa vila: Fixéronse murais, faláronlles dalgunhas das mulleres da exposición, tiveron a ocasión de preguntar sobre as mesmas. Tamén as nenas e nenos explicaron o que desexan ser de maiores e deste xeito falamos da igualdade profesional, esa que moitas veces a propia sociedade condiciona a un sexo ou outro.

O certo é que resulta chocante como se sorprenden cando escoitan historias como as de Malala, Dian Fossey, Frida Kahlo, Hipatia de Alenxandría...; descubriron canto sufriron, como se repuxeron as súas penurias e os logros que acadaron para elas e o resto da humanidade.

O máis sorprendente foi ver como este grupo de mulleres de FEMURO foron quen de caracterizarse como cada unha das mulleres presentes na exposición, achegando a súa foto co aspecto das mesmas a carón das da exposición. Ademais pasáronlles o making off de todo o proceso e un vídeo no que cada unha delas aparece cun cartel con palabras alusivas ao día da celebración.

Que sorte vivir nun mundo no que se está a valorar a muller ao longo da historia!