CEIP Princesa de España
Acordo de claustro educativo
A Consellaría de Educación mantén a imposición unilateral e sen modificacións do Protocolo para a adaptación dos centros educativos galegos para afrontar a covid-19 no curso 2020/21, co que entendemos está a cometer unha irresponsabilidade. Négase a Xunta de Galicia a aplicar as condicións de distanciamento físico entre alumnado fixadas por entidades internacionais pondo en risco a saúde de todo o persoal dos centros educativos, especialmente o máis vulnerábel.
Ademais disto vémonos na obriga de denunciar outras carencias:
- Non existe unha avaliación de riscos de todos os centros educativos realizada polo servizo de prevención e profesionais con competencia sanitaria, a consellería carga esta responsabilidade sobre o profesorado
- Non se tomaron as medidas oportunas para garantir o dereito á educación en igualdade de condicións no caso de ter que recorrer a modelos de educación a distancia, ben sexa de carácter temporal ou permanente, total ou parcial.
- Trasladan as competencias que corresponden á propia administración ou mesmo a servizos técnicos (prevención de riscos, servizos médicos ….) aos equipos directivos e aos claustros, incrementando a súa carga de traballo e obrigándoos a asumir responsabilidades que non corresponden á función directiva nin docente.
Nestes momentos, o claustro do CEIP Princesa de España entendemos como imprescindíbel un compromiso da Xunta de Galicia de incrementar as medidas de seguridade e distanciamento físico fronte ao Coronavirus coa conseguinte redución de ratios, o incremento de persoal docente e non docente, así como unha auténtica negociación do protocolo para podermos ofrecer unha educación presencial coas máximas garantías e unha alternativa de teledocencia con todos os dereitos laborais e de participación do profesorado, do persoal non docente e do alumnado.
Temos claro que o risco cero non existe, pero a volta á escola debe ser nunha contorna da maior seguridade posible para toda a comunidade educativa.
